Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Oroso abre a inscrición nos Obradoiros Culturais 2016, nos que oferta sete cursos totalmente novidosos


O prazo de anotación estará aberto ata o 29 de febreiro no centro cultural de Sigüeiro

O Concello de Oroso renova totalmente a súa oferta nos Obradoiros Culturais 2016, xa que non repite ningún dos cursos do ano anterior e mesmo incrementa o seu número: labores, globoflexia, maquillaxe, estampación de camisetas, iniciación á costura, traballos con fieltro e fotografía. As inscricións deberán formalizarse antes do vindeiro 29 de febreiro no centro cultural de Sigüeiro ou no teléfono 981 69 09 03.

Esta oferta formativa e de ocio está dirixida preferentemente a veciños e veciñas empadroados en Oroso, que poderán escoller entre estes sete cursos cuxos prezos oscilan entre os 20 e os 50 euros. Outra das novidades ten que ver co tempo, xa que tres dos obradoiros (globoflexia, maquillaxe e estampación de camisetas) desenvolveranse nunha única xornada, o de traballos con fieltro terá lugar ao longo de seis sesións, mentres que o resto terán lugar ao longo dos meses de marzo, abril e maio (sempre que se reúna grupo mínimo).

Horarios

Así entre os cursos trimestrais figura o obradoiro de Labores, un dos máis exitosos de edicións pasadas, terá lugar todos os xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas ou de 17:00 a 19:00 horas. O seu prezo será de 20 euros mensuais e o alumnado aprenderá ganchillo, calceta, bordados, punto de cruz, elaboración de bolsos de tela de polipiel, moedeiros, carteiras… Da mesma temática é o Curso de Iniciación á Costura, no que os asistentes aprenderán a subir baixos, estreitar e facer pequenos arranxos na roupa. As clases terán lugar todos os mércores, de 19:00 a 21:00 horas, por un prezo de 30 euros mensuais (material non incluído). O terceiro dos obradoiros trimestrais será o de Fotografía, que ofrece dous horarios diferenciados: os xoves de 18:30 a 20:00 horas ou os venres de 12:30 a 14:00 horas. Dirixido a maiores de 14 anos, o seu prezo é de 20 euros mensuais.

Entre os obradoiros dunha única xornada figuran o de globoflexia, que terá lugar o sábado 12 de marzo. O obradoiro de maquillaxe terá lugar o sábado 2 de abril e nel o alumnado aprenderá técnicas para realizar maquillaxes de terror e caracterizacións para animación infantil. Ambos obradoiros están dirixidos a maiores de 18 anos, teñen unha duración de 8 horas, custan 30 euros e serán impartidos pola Escola Galega de Tempo Libre. O obradoiro de estampación de camisetas terá lugar nun venres, aínda por concretar, do mes de marzo. Cun prezo de 40 euros (material incluído salvo as camisetas), o alumnado aprenderá a decorar camisetas con plantillas e spray de cores.

Completan os Obradoiros Culturais 2016 o taller “Traballos con fieltro”, que se desenvolverá os luns 7, 14 e 28 de marzo, así como os luns 4 e 11 de abril, en horario de 18:00 a 20:00 horas. Dirixido a maiores de 14 anos e cun prezo de 50 euros (que inclúe o material, salvo a camiseta), permitirá elaborar broches, collares, chaveiros, personalización de camisetas e carteiras…